Tiven a tentación de contar a miña experiencia profesional como Consultor TI Independente na OpenExpo de 2017, pero recoñezo que aínda faltaban pasos para completar o proceso de migrar a Software Libre a miña primeira empresa cliente nesta nova etapa: Bran Serigrafic. E non só faltaban pasos, senón que o proxecto era moito maior, bastante máis ca unha migración de tecnoloxías pechadas e escravizantes a outras abertas e libres. Realmente tratábase dunha modernización integral, non só tecnolóxica.
Esa modernización integral supuxo
- estar ao lado da xerencia con total adicación
- consultoría do punto de partida para priorizar a modernización
- dirixir o deseño da implantación de procedementos de calidade
- analizar e deseñar a aplicación de melloras
- xestionar e negociar axudas e subvencións
- aplicar un riguroso sistema de calidade ao proceso global
- seleccionar fornecedores de implantacións tecnolóxicas
- mercar, configurar e implantar equipos informáticos
- ser interlocutor entre a empresa e os provedores tecnolóxicos
- ser interlocutor entre a empresa e as administracións públicas
- capacitar tecnoloxicamente ao persoal da empresa
- … e bastante máis!
Daquela non estiven parado todo este ano dende o meu último artigo, todo o conrario! Xa lle adiquei anos (nos inicios deste milenio) a escribir varios artigos ao día para AGNIX.org e exporme ao público se cadra demais para difundir as bondades do Software Libre (SwL), sempre con absoluta paixón. Isto tan resumido, e algunha importante razón máis, levoume a meditar e deseñar unha nova estratexia que englobase con armonía o profesional e mailo vital. E creo que o conseguín. Síntome repleto de forzas, anovado e orgulloso de ser Consultor TI Independente.