É contrastable a cada vez maior presenza das tecnoloxías libres e abertas en servidores empresariais. Pero, por que non é paralelo este éxito na migración de postos de escritorio?
En canto a servizos, o Software Libre (SwL) dispón dun sólido status en múltiples apartados, ofrecendo solucións seguras, estables e independentes de fornecedores. Migrar servizos engade a estos obvios beneficios, un ventaxoso saldo económico e, non menos importante, un enorme grao de transparencia do proceso. Certo, migrar servizos apenas é perceptible polo persoal da empresa. Seguirá desfrutando do seu correo-e ou unha rede optimizada sen advertir que seus servidores pasaron a basearse en SwL, máis ben ao contrario, se advirtira algo sería unha melloría xeral.
Porén, no escritorio a migración non é transparente, o persoal terá que enfrontarse a unha nova contorna. Poderá ser máis doado, directo e evidente có anterior, pero terá que enfrontarse a un cambio. E calquera cambio, pola súa propia natureza, xera un rexeite inicial. É, polo tanto, esencial incidir neste obstáculo para minimizar os efectos en todo o proceso e, deste xeito, garantir o éxito da migración de contornas de traballo onde sexa posible facelo.
Velaquí onde entra en xogo a formación. Hai que concienciar ao persoal das bondades do cambio e capacitalo para exprimir as cualidades da nova contorna. Acaso non vimos casos de migración entre distintas versións de software privativo nos que non se contou nin sequera coa opinión do persoal afectado e aínda menos ofrecendo unha mínima formación? Semella lóxico que parte do aforro que producirá o proceso migratorio, polo menos a medio prazo, sexa destinado a reducir os efectos da migración da contorna de traballo.
É máis, servirá para capacitar solidamente en tarefas diarias que non sempre foron cobertas con suficiente destreza técnica. Resulta moi doado encontrarnos a persoas traballando todo o día diante dun computador que son ineficaces buscando información, lentas na navegación, descoñecen as mínimas regras de netiqueta, crean contrasinais inseguras e, por suposto, son incapaces de asinar dixitalmente un documento.
Polo tanto, salvando os lóxicos atascos que provoca o software privativo en canto a dependencia polos seus formatos pechados e aplicativos cativos que se consideran cruciais para o correcto funcionamento da empresa, a formación capacitará ao persoal da empresa que decida migrar a SwL incrementando ademais notablemente a súa produtividade.
“O home está condenado a ser libre” Jean Paul Sartre
Nos siguintes artigos…
Abordarei os pasos que estamos dando en tegnix.eu no proxecto de migración dunha empresa industrial pragada de equipos Apple e aplicativos privativos.
Créditos da imaxe: As Salgueiras.
Artigo publicado orixinalmente para o blog de OpenExpo (en castelán).