Pinchadiscos, disc jockey, deejay, DJ… Hai varias denominacións empregadas para diferenciar o nível de creación artística en cada caso. Para non afondar no debate de cal é a denominación apropiada e o significado de seu do termo “creación”, decidín simplificar e xuntalas todas baixo DJs. Daquela poderei centrar o contido no Mixxx (páxina oficial), un Software Libre (en adiante, como sempre, SwL) que serve basicamente para mesturar música.
Pero Mixxx también ofrece unha variedade de funcionalidades, tanto para principiantes (empregando simplemente arquivos de MP3 con teclado, rato e auriculares) como para expertos profesionais porque inclúe ecualización, hotcues, master sync, delay, reverb, pitch, chorus, loops, mesturas automáticas, etcétera xunto á posibilidade de empregar MIDI, vinilos, CDs, sintetizadores, secuenciadores, instrumentos musicais… Ou sexa, é unha aplicación potente á vez que moi divertida.
Uso básico de Mixxx
Poño como exemplo de obxectivo inicial para o uso de Mixxx esa viaxe no que queres evitar ter que ir procurando entre cartafois o tema desexado a cada instante, axustar constantemente o volume, a súa ecualización ou, como alternativa, sofrer o modo aleatorio (random).
Para isto o primeiro, obvio, é RTFM, é dicir, le o manual ou, polo menos, consulta as partes que pretendas empregar. O segundo é dispor do mínimo necesario:
- Un computador con teclado, rato e Mixxx instalado. Dá igual o sistema operativo, Mixxx é SwL multiplataforma.
- Auriculares conectados e funcionais
- Para que os auriculares sexan funcionais é importante ter en conta que é imprescindible usar un cabo separador de canais (splitter). Mixxx certifica o Traktor DJ Cable (merqueino por 9,99€). Caso contrario, non poderás escoitar nada máis que o que estea soando nese momento, non a siguiente pista que desexas mesturar. Grazas ao splitter poderás escoitar o máster pola canle 1 e os auriculares pola canle 2. Porén, hai unha importante pega, isto separa o estéreo deixando cada unha das canles en monoaural. É demasiado pobre, considéroo apenas recomendable para casos de apuro en sesións ‘en directo’ cando algo inesperado aconteza.
- O ideal é engadir unha segunda tarxeta de son. Outra vez, Mixxx recomenda varias tarxetas (listadas algo máis abaixo nesa ligazón). Merquei a Behringer U-Control UCA202 por 33€. Funciona apenas a conectes por USB e configures as opcións de Mixxx para que o máster use a tarxeta externa con canles 1-2 e os auriculares a tarxeta interna con canles 1-2.
- Axusta as demás opcións de Mixxx como a ubicación dos teus arquivos de audio (MP3, OGG, WAV) e onde queras ubicar as túas sesións de gravación de mesturas.
Listo, xa está todo preparado para usar Mixxx! Comeza o divertimento.
Conclusións sobre Mixxx
Mixxx é moi potente polo que é recomendable dispor dalgunha experiencia previa como DJ ou, se non se dispón desa experiencia, adicar algún tempo de adestramento probando opcións, gravando sesións experimentais e ir mellorando progresivamente. Seguro que moi pronto terás resultados máis que atractivos.
Un detalle que me gustaría ter en Mixxx é poder gravar as sesións por partes. Explícome, Mixxx grava sesións “en directo”. Se te equivocas e queres rectificar a enésima mestura, tés que repetir todo desde o comezo ou armarte de paciencia usando a sesión previa como se fora “en directo” ata o punto no que queiras correxir o teu erro ou, en última instancia, retocar algunha parte con outro software, por exemplo, o editor de audio Audacity.
Polo demais, é un pracer dispor deste software e, no meu caso, unha agradable sorpresa. Hai anos fun DJ profesional (malia que apenas ocasional) empregando tres platos Technics* de arranque instantáneo que aínda é usado a cotío polos actuais DJs.
(*) Technics vs. Tegnix… imaxinades unha das razóns agochadas polas que rexistrei a marca “tegnix”? 🙂